- Inicio
- EGAES H27
EGAES H27
Economía Social para unha Galicia sustentable
Contexto favorable e aliñado con outros instrumento de planificación
A estratexia galega de economía social desenvolvese nun contexto favorable para o impulso da Economía Social. Esta forma de organización empresarial, inclúe cooperativas, sociedades laborais, asociacións e outras entidades similares que desempeñan un papel fundamental na promoción da xustiza social, o emprego inclusivo, a igualdade, a equidade e o desenvolvemento sustentable.
Tanto a nivel europeo, como estatal ou galego, o reforzo e recoñecemento deste modelo figura explicitamente en plans, programas de goberno, instrumentos de financiamento e declaracións políticas diversas, posto que xera emprego e riqueza de maneira sustentable, contribuíndo á diversificación económica e axudando a equilibrar o desenvolvemento entre áreas urbanas e rurais.
Ademais, xoga un papel fundamental no emprendemento e a facilidade desta fórmula de adaptarse a diferentes sectores, faino un motor de innovación e desenvolvemento económico propicio para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Papel crave da Economía Social nos tempos actuais
A Economía Social, e o emprendemento colectivo que implica, é crave para:
- O impulso de emprego de calidade e inclusivo.
- O desenvolvemento económico e social.
- Afrontar os retos empresariais do presente e futuro.
- A contribución á transición verde, dixital e cohesionada.
- Constitúe unha forma de asentar poboación no territorio.
A economía social en Galicia é unha parte integrante da nosa identidade económica e social e desempeña un papel crucial na construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e sustentable. A EGAES H27 enfócase na consecución do triángulo equilátero da economía social, onde cada un dos seus tres piares teña a mesma importancia.
O triángulo equilátero da sostibilidade traballa para lograr:
- A sostibilidade económica, con medidas para consolidar as entidades da economía social que desenvolven a súa actividade nos actuais sectores de implantación e tamén para buscar o crecemento nos sectores emerxentes contemplados no Plan Europeo da Economía Social. Consolidar e medrar son os dous puntais para acadar a sostibilidade económica.
- A sostibilidade social, con medidas para garantir a consolidación do emprego inclusivo e a estabilidade laboral e seguir traballando na igualdade, na equidade e no obxectivo irrenunciable de seguir incorporando máis mulleres, persoas mozas, maiores de 55 anos, migrantes e emigrantes retornados ao sector.
- A sostibilidade ambiental, con medidas para a implantación de entidades e proxectos do sector na economía verde e azul e tamén na economía circular, traballando para afondar na dixitalización do sector e tamén para reducir ao máximo a pegada de carbono das súas actividades.
Instrumentos
A EGAES H27 é un plan estratéxico da Xunta de Galicia que implica á práctica totalidade das consellerías, con accións transversais que van ser coordinadas no Consello da Economía Social no marco da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.
O Consello da Economía Social estudiará a viabilidade das medidas contempladas no primeiro documento da EGAES H27, realizará un seguimento periódico do desenvolvemento deste plan estratéxico para realizar as achegas necesarias que melloren cada ano esta folla de ruta e tamén planificará a mellora das normativa necesaria para que o sector da economía social cumpra o obxectivo da sostibilidade económica, social e ambiental.
A EGAES H27 tamén aposta por fornecer a Rede EUSUMO como ferramenta para facilitar toda a información que precisan as entidades de economía social sobre programas e axudas europeas, estatais, autonómicas e provincias. O vello sono da xanela única informativa e a posibilidade de asesoramento nunha soa ferramenta é posible grazas ao fornecemento gradual da REDE EUSUMO. Tamén terá un papel importante na recollida de datos rexistrados da economía social e os estudos necesarios para dispoñer de datos certeiros e periódicos sobre a capacidade e o peso das entidades da economía social en Galicia e avaliar o seu impacto social.
A EGAES 2023-2026 tamén aproveita os recursos existentes para axudar ao sector da economía social na promoción das súas actividades e a captación de talento nas mulleres, persoas mozas, maiores de 55 anos, migrantes e emigrantes retornados. Reforzará a rede de Polos de Emprendemento para dar a coñecer as posibilidades da economía social a través de accións concretas de promoción e difusión conxuntas.