Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron esta semana en Madrid en senllos encontros con representantes do Goberno central e doutras comunidades autónomas co gallo de avanzar na xeración de emprego e no impulso da economía social. Así, na primeira reunión —correspondente ás autoridades laborais— estivo o secretario xeral, mentres na segunda —para os responsables de economía social e da Responsabilidad Social das Empresas (RSE)— participaron ambos representantes autonómicos.
En concreto, na primeira xuntanza, abordáronse cuestións como a tramitación dos expedientes de regulación de emprego, os rexistros dos convenios colectivos ou das organizacións sindicais e empresariais, os apoios á prevención de riscos laborais e as medidas a prol da igualdade laboral e contra a discriminación das persoas LGTBI. Mentres, a segunda consistiu nunha posta en común das políticas estatal e autonómicas no eido da economía social e da RSE, apostando pola colaboración entre administracións e a prol das persoas.


